Friday 03 de May de 2024

A Xunta inicia este mes a renovación de máis de 1.100 equipos informáticos en preto de 100 centros públicos da área de Benestar


Esta actuación conta cun investimento de 800.000 euros, grazas a un convenio asinado entre a Xunta e Red.es

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inicia este mes a renovación de 1.145 ordenadores e 148 impresoras en rede nun total de 99 centros públicos de Benestar. Esta medida é un requisito imprescindible para o desenvolvemento do Plan Trabe, a estratexia tecnolóxica para a modernización dos servizos sociais, que impulsan a Amtega e a Consellería de Traballo e Benestar.

O importe desta actuación é de 800.000 euros, grazas a un convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a entidade pública empresarial Red.es. A renovación de equipamento tecnolóxico beneficiará a 44 centros sociocomunitarios, 19 residencias de maiores, 25 escolas infantís e outras 11 instalacións entre albergues xuvenís, centros de menores e de persoas con discapacidade.

Como paso previo á instalación do equipamento realizouse unha auditoría da situación das redes de telecomunicación e do equipamento tecnolóxico nos centros, que quedarán integrados na rede corporativa da Administración autonómica e na políticas de seguridade e xestión do posto de traballo da Xunta de Galicia.

Tras as visitas técnicas previas, que se desenvolveron entre os meses e xullo e outubro, nos 99 centros, este mes iníciase a substitución dos equipos que se completará no primeiro semestre de 2015.

Con esta medida dotarase de equipamento preciso aos profesionais é fundamental para poidan levar a cabo as súa tarefas dun xeito áxil e eficiente, e lles permitirá mellorar o seu traballo e as actividades dos residentes.

Plan Trabe
O Plan Trabe para a Modernización Tecnolóxica dos Servizos Sociais, dotado cun orzamento de 20 millóns de euros en cinco anos, é un instrumento de apoio á planificación estratéxica deste área clave para a Comunidade, que xestiona a atención e as prestacións de máis de 1,6 millóns de galegos.

Coa integración das TIC na xestión dos servizos sociais, a Administración autonómica busca mellorar a súa eficiencia para garantir á sostibilidade do sistema e incrementar a súa capacidade para dar cobertura a unha demanda que está en aumento. Ademais, a modernización da xestión permitirá reducir tarefas administrativos e prazos de tramitación.